20 de feb. de 2017

Eu creo que...

As crenzas dunha persoa operan desde un estrato tan profundo, moitas veces subconsciente, que limitan os nosos movementos e moitas veces renunciamos a intentar algo por causa dunha crenza que temos implantada desde tempo literalmente inmemorial, ou pola contra, insistimos nunha determinada conduta obedecendo a unha crenza que se non a tivesemos estariamos en mellores condicións para gozar da vida e asumir riscos razoables. E se unha crenza non fose unha idea atrapada pola túa mente, senón unha idea que atrapou á túa mente? Neste blog xa temos falado outras veces de crenzas limitantes e como desaloxalas, hoxe compilamos aquí tres das máis frecuentes:

1. Son bo (boa persoa / bo profesional...) porque os demais din que o son. 
Se a miña autoestima vén determinada polo que os demais pensan de min, convirto en realidade a opinión dos demais, que poida non ser obxectiva, e convírtome en escravo desa opinión, facendo o que creo que os demais esperan de min, o que eles cren e din que é o correcto, deixando de facer cousas que eu no fondo quería facer, e en cambio facendo outras que me sinto obrigado a facer para manter o nivel, para demostrar a miña valía e un triste etcétera.
Crenza alternativa: O que digan os demais reflicte soamente a súa opinión.

2. Se algo saíu mal no pasado seguirá saíndo mal no futuro. 
Se os fracasos pasados demostran que as miñas metas son inalcanzables, mellor vou renunciar e buscar outras máis fáciles, así ninguén verá a miña incompetencia. Unha crenza coma esta córtache as ás para sempre.
Crenzas alternativas: O meu futuro non depende do meu pasado, senón do meu presente. Eu, agora, estou construíndo o futuro que eu quero. Cando algo sae mal aprendo unha lección valiosa e estou cada vez máis cerca de facelo ben, pois vou descartando os fallos.

3. Non podo evitalo
Non podo evitar que suceda isto que está por riba das miñas competencias, ou non podo evitar ter un arrebato emocional porque me afecta o que dixeches, ou non podo evitar ser como son... Se cadra hai cousas que non podes evitar (a incompetencia ou agresividade dun compañeiro de traballo, por exemplo) pero si que podes xestionalas do xeito máis conveniente para ti e para todos (asumindo que as túas reaccións emocionais si que son da túa competencia e aprendendo a manexalas co menor prexuízo para todos). Non tes que asumir a responsabilidade de todo un proceso que escapa ás túas mans, non tes que facelo perfecto, abonda con que esteas disposto a minimizar os danos e facer o mellor que poidas en cada situación concreta.
Crenza alternativa: Procuro facer o mellor posible para cada situación concreta.

Lembra:
As crenzas pódense cambiar, non é doado nin sucede espontaneamente pero pode facerse, recoñecendo a crenza que nos está limitando na nosa vida e pondo en marcha un plan de acción con axuda dalgún método de eficacia probada como PSY-K.

14 de feb. de 2017

Mecanismos de defensa

Os conflitos emocionais e mentais son inevitables, anque polo xeral se resolven por si mesmos. Con todo ás veces os nosos conflitos internos poden prolongarse producindo un gran desgaste. Entón actívase algún mecanismo de defensa como os seguintes:
1. Racionalización. Todos construímos escusas, ás veces falsas pero plausibles, para xustificar un comportamento inaceptable. Pensar que á xente lle dá igual o que fixemos, quitarlle importancia, xustificarnos porque estabamos enfermos ou calqueroutra cousa que sirva para sentirnos menos culpables.
2. Identificación. Consiste en fortalecer a nosa autoestima mediante a formación dunha alianza (real ou imaxinaria) con algunha persoa ou grupo. Este é un método bastante común de tratar de esquecerse dos problemas, desde a persoa que participa de cerimonias relixiosas á que se une a unha peña deportiva, un grupo político, unha secta, etc. Os grupos de apoio, os amigos, a familia, tamén fan esa función.
3. Desprazamento. É un mecanismo psicolóxico definido como o desvío de sentimentos emocionais (xeralmente ira) da súa fonte orixinal a un obxectivo substituto. Isto ocorre moito nas cadeas de mando, por exemplo cando un xefe lle berra a un empregado que á súa vez lle berra a outro subalterno.Unha solución alternativa pode ser descargar a agresividade golpeando unha almofada ou un saco de area.
4. Proxección. Prodúcese por atribuír a outra persoa os propios pensamentos, sentimentos ou motivacións: "Pensa o ladrón que todos son da súa condición". Así, unha persoa moi enfadada pode acusar aos seus interlocutores de estaren enfadados.
5. Regresión. É un retorno aos patróns de comportamento inmaturo. Un exemplo evidente é o dos fillos que se senten menos queridos coa chegada dun irmán pequeno e regresan a un comportamento infantil para atraer de novo a atención paterna.
6. Formación reactiva. Consiste en comportarse dun xeito completamente contrario aos verdadeiros sentimentos. Así os que se fan os "duros" e finxen que non lles importa algo que realmente lles está doendo.
7. Represión. A represión é o mecanismo de defensa psicolóxico máis estraño de todos. Mantéñense os pensamentos e sentimentos angustiosos enterrados no inconsciente. Hai moita controversia sobre os recordos reprimidos e se resulta recomendable que con axuda terapéutica se fagan aflorar á memoria, porque non sempre son confiables;
ás veces resultan ser falsos, e outras son minuciosamente precisos.

13 de feb. de 2017

Inténtao




Algúns días teño a sensación de que, contrariamente ás ensinanzas de Ioda, non podo facelo nin deixar de facelo, só podo intentalo, e aínda así, o intento é suficiente, coma naquela historia que conta Jodorowsky:
Un arqueiro quería cazar a lúa e todas as noites lle disparaba, anque os veciños facían burla del.
Nunca lle deu á lúa, pero converteuse nun gran arqueiro.

22 de xan. de 2017

Canto sanador

Con cariño para todos os que están a pasar un inverno difícil, con gripe, arrefriados, etc. Escoitar con cascos, ollos pechados e un incenso de calidade.